Noticias

Tecor Terra Chá

Foto noticia Tempada de xabaril no Tecor Terra Chá: Crónica dun ano de récords

Tempada de xabaril no Tecor Terra Chá: Crónica dun ano de récords

A tempada de caza do xabaril no Tecor Terra Chá botou o peche deixando tras de si unhas cifras que invitan á reflexión e, sobre todo, ao recoñecemento do traballo ben feito no monte. O que en setembro comezou como unha serie de sensacións positivas e lances para o recordo, acabou confirmándose como unha das campañas máis eficientes da nosa historia recente.

📈Unha tempada de bo nivel e lances para o recordo

Este ano, os nosos cazadores non só gozaron dunha campaña activa en rastros e capturas, senón que tamén se consolidou un cambio de enfoque: o desfrute do lance.

As batidas no noso Tecor son un esforzo de equipo onde cada peza é para disfrutar. Sen cans non hai levantes, e sen tiradores non hai disparos. Cada membro da cuadrilla  desde quen vibra co latir do can ata quen mantén a tensión no parado  sumamos para acadar un resultado colectivo excepcional.

A realidade desta modalidade é clara: para que o tirador viva máis lances, é preciso que haxa levantes abondos. E este ano, os levantes non faltaron.

🔢 Os números non enganan: O récord da eficiencia

Cando analizabamos os primeiros dous meses de tempada, xa se intuía un aumento de capturas, pero o balance final é o que realmente pon as cousas no seu sitio.

  • 307 xabarís capturados
  • 14 xornadas de caza
  • Media de 21,93 capturas por xornada, a máis alta da historia deste tecor

Evolución por tempadas

Tempada

Capturas Totais

Xornadas

Media capturas/xornada

20/21

286

19

15,05

21/22

317

18

17,61

22/23

282

20

14,1

23/24

208

16

13

24/25

268

18

14,89

25/26

307

14

21,93

📍 O mapa do éxito: As manchas protagonistas

A distribución das capturas por zonas amosa como se moveu a caza este ano. Algunhas manchas destacaron polasúaprodutividade, mentres que outrasforonmáis discretas debido a factores como a presenza do lobo, o desprazamento das manadas nómadas ou, simplemente, a sorte. Son variacións naturais nunha especie altamente móbil e condicionada polo entorno coma é o xabaril.

As máis produtivas esta tempada foron:

  • Molareda: 44 capturas, como cada ano dende que temos rexistros
  • Xermar: 40
  • Muimenta: 37

Zonas que se converteron en auténticos criadeiros, permitindo xornadas memorables para varias cuadrillas.

As máis discretas nesta ocasión foron:

  • A Lagoa: 18 capturas, tendencia habitual últimamente nesta mancha
  • Viladonga: 20
  • Álvare: 26

Variacións naturais nunha especie altamente móbil e condicionada polo entorno.

🔍 Reflexión final: ¿“Acabamos con eles”?

Cada ano, sen excepción, escóitase a mesma frase nas tabernas: “Este ano sí que acabamos con eles”. Sen embargo, os datos do Tecor Terra Chá desminten esta percepción. A poboación mantense forte, mesmo coa presión cinexética exercida estas tempadas pasadas.

Este equilibrio débese a varios factores:

  • Unha meteoroloxía favorable, sen apenas xornadas suspendidas por choiva
  • Mellor coordinación nas cuadrillas e uso de cans de rastro
  • Un ciclo reprodutivo especialmente positivo na zona, debido ao abundante alimento coa sementeira de millo e a climatoloxía suave na comarca

De todas maneiras, este fin de tempada deixa una reflexión distinta ás pasadas: hai un sentir xeral de que quedaron suficientes animais para garantizar unha estabilidade poboacional para a cría, con vistas a una satisfactoria próxima tempada

🏁 Peche de tempada

Pechamos a campaña con 307 motivos para estar satisfeitos. Para o labrego sempre haberá moitos; para o cazador, nunca serán suficientes. Pero a realidade é que o equilibrio no Tecor Terra Chá goza de boa saúde.

Agora toca deixar descansar o monte e os cans, coa vista posta xa na pos tempada, época de adestramento dos nosos fieis compañeiros, alá a partir de marzo cando remate a tempada xeral nos tecores vecinos.

Comparte esta noticia