Remate da tempada cinexética e inicio dos traballos administrativos no Tecor Terra Chá
A tempada cinexética no Tecor Terra Chá chegou ao seu fin, pero como é habitual, o traballo interno da sociedade intensifícase durante o mes de marzo. Esta é a época na que se realizan todas as xestións necesarias para que os socios poidan limitarse a renovar a súa cota anual e dispoñer de toda a documentación en regra.
Actividades e competicións recentes
Ao longo das últimas semanas sucedéronse diversas actividades no noso tecor:
- Probas de cans de parada, organizadas pola Federación Galega de Caza e pola Sociedade Canina Galega.
- Quedada cetreira, celebrada esta pasada fin de semana, que continúa consolidándose como unha actividade destacada dentro do noso calendario.
Estas accións non só dinamizan o tecor, senón que tamén contribúen á promoción da caza responsable e do uso deportivo do territorio.
Memoria cinexética 2025–2026
Xa se elaborou a memoria cinexética correspondente á tempada 25–26, un documento extenso e obrigatorio que se presenta cada fin de campaña. Nel recóllense:
- Capturas e cupos
- Días efectivos de caza
- Competicións realizadas
- Soltas de especies cinexéticas
- Actividades ambientais e lúdicas
- Melloras do hábitat executadas
Este informe é fundamental para garantir unha xestión sostible e transparente do noso territorio cinexético, e de presentación obrigada antes de que a administración aprobe o PAAC 26-27.
Taxas, reclamacións e resolucións administrativas
- Abonouse a taxa anual da Xunta de Galicia pola matrícula do tecor, que nesta tempada ascende a 3.414,29 €.
- En 2022 tiveramos unha reclamación xudicial por un accidente no que non eramos responsables e a compañía, naquel entón Generali seguros, non nos quixo protexer xurídicamente, tendo que abonar o pago de avogado por defendernos. A xunta directiva non estaba dacordo co proceder de Generali seguros, e presentara unha reclamación na Dirección General de Seguros e Fondos de Pensiones: Fai unas semanas chegou a resposta pola súa parte, concedéndonos a razón no noso proceder, e dándonos dereito a reclamación á parte contraria, ben sexa negociada ou vía xudicial. Non era unha cantidade especialmente relevante, pero temos a satisfacción de que levábamos razón, poderemos proceder a reclamar indemnización e a Dirección General de Seguros expedientará a Generali, o que lles servirá tamén para no pisotear os dereitos dos asegurados en vindeiras ocasións
Subvencións e axudas recibidas
Nas últimas semanas recibíronse importantes apoios económicos:
- Deputación de Lugo (Área de Deportes): 4.252 €, correspondente á anualidade 2025, case un 95% máis que en 2024.
- Axuda para a compra dun desfibrilador semiautomático por parte da Xunta de Galicia: 1.015,43 €, co obxectivo de mellorar a seguridade dos participantes nas competicións.
- Iniciáronse tamén as solicitudes de axudas deportivas da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo para 2026, co obxectivo de achegarse aos 6.000 € en subvencións deportivas, ademais das previstas dos concellos de Cospeito e A Pastoriza.
Tamén se acompañou ás axentes medioambientais na elaboración da acta de non inicio das tobeiras subvencionadas pola Xunta, cunha solicitude de 6.000 € que cubriría practicamente o custo total da actuación.
Responsabilidade por accidentes con fauna
A sociedade fixo fronte ás franquicias correspondentes por diversos accidentes con fauna cinexética dentro do perímetro do tecor, xa que en días de batida colectiva somos responsables xurídicos dos mesmos. A tesourería mantén ao día todos os pagos derivados dos procesos xudiciais asociados, o que sempre é unha boa nova. Cabe destacar o bo traballo e comunicación con Allianz seguros, a través da abogada Rocío García Puertas, quen acostuma defender os nosos intereses neste tipo de procesos, para lograr manternos actualizados en todo trámite xudicial
Acordos das últimas xuntas directivas
Nas reunións máis recentes adoptáronse decisións relevantes para o futuro do tecor:
1. Planificación e ordenación
- Contratación do novo POC (Plan de Ordenación Cinexética) por 5 anos, coa empresa Cerna Enxeñería (Lugo).
- Cambio de localización da zona de caza permanente, debido a queixas veciñais por condutas inapropiadas (lixo, vainas, conflitos con gandeiros, etc). Para a nova ubicación propúxose unha zona con máis masa forestal, o que propicia menos inmersión en zona de pasto ou sementeira de millo, o que reducirá ampliamente a queixa co sector gandeiro
- Estudo para habilitar un sistema de reserva e pago telemático vía Bizum, con envío automático da capa de Google Maps ao usuario.
2. Infraestruturas e espazos
- Adecuación da zona de cetrería.
- Modificación das zonas vedadas, ampliando a de Cospeito e reubicando as de Castro de Rei e A Pastoriza.
- Estudo dunha axuda do GDR Terra Chá (Agader) para mellorar un local social ou a zona de evisceración e sala de frío da caza maior.
3. Xestión cinexética
- Encargo dun estudo científico sobre a viabilidade de capturar un pequeno número de corzas en axexo, debido á súa elevada abundancia, o que está a provocar unha perda de calidade dos trofeos de corzo macho.
- Aumento do cupo máximo de soltas de perdiz ata 12.000 unidades, para garantir marxe de actuación futura, de quererse alcanzar esta cifra.
4. Documentación e normativa interna
- Redacción da modificación de estatutos e actualización do regulamento de réxime interno, ambos pendentes de aprobación en asemblea xeral. Esta acción é moi necesaria, xa que levan máis dunha década sen se actualizar e a evolución de decisións tomadas en asambleas xerais dista moito da información recollida nestes documentos oficiais da nosa sociedade
- Actualización da documentación relativa ás baixas temporais e condicións de acceso a esta situación. Farase chegar un requerimento a tódolos socios que se atopen nesta situación, expresando a necesidade de entregar a cada inicio de tempada documentación acreditativa da súa situación de excepción
5. Vida social e deportiva
- Aprobación da investimento en indumentaria oficial para competidores da sociedade.
- Estudo de actualización das cotas de inscrición e anuais, tras petición dun grupo de socios vía mail no pasado mes de febreiro.
- Organización dun evento de promoción da caza en axexo e xestión da nosa sociedade de caza, en colaboración con Mutuasport e a FGC, que incluirá entrevistas a cazadores, visitantes, representantes políticos e directivos.
6. Convocatoria de asemblea
- Establécese a Asemblea Xeral o 14 de xuño. Debido ás decisións tan importantes a tomar, é de vital importancia a asistencia a dita asamblea, xa que se acordarán puntos de relevancia que afectarán a tódolos socios. Debemos recordar que, a asamblea xeral, é o órgano directriz de toda sociedade deportiva, e o noso societario non é unha excepción
Mirando cara á nova tempada
Agárdannos semanas intensas e cheas de traballo, pero tamén ilusionantes. En breve dará comezo a tempada de axexos de corzo, na que os nosos guías —encabezados por Juan José Fernández— recibirán cazadores de toda a península en busca de experiencias únicas e lances memorables na Terra Chá.