Noticias

Tecor Terra Chá

Foto noticia O Tecor Terra Chá entra de cheo na tempada cinexética

O Tecor Terra Chá entra de cheo na tempada cinexética

O mes de setembro está a marcar un momento de especial actividade nos montes do noso Tecor Terra Chá. Coa chegada do fin do verán, diferentes modalidades de caza e adestramento conflúen nun calendario que devolve aos nosos socios ao monte con forza, ilusión e moitas expectativas. 

A primeira gran cita da campaña chegou o pasado 16 de agosto coa apertura da tempada de corzo para machos adultos. Desde ese momento, as batidas realizadas no tecor están a ofrecer magníficos resultados, confirmando o bo momento que atravesa esta especie nos nosos terreos.

Nestas últimas semanas tamén se desenvolveu unha xornada de caza de raposo, unha modalidade que continúa gozando dunha importante aceptación entre os nosos cazadores e que permitiu seguir sumando actividade nos montes da comarca. 

Ademais, desde o pasado 1 de setembro os socios xa poden retomar os adestramentos de cans sobre perdiz nas zonas cazables do tecor, tra-la solta de 10000 exemplares, unha actividade fundamental para preparar a próxima tempada de caza menor e continuar coa formación e posta a punto dos nosos cans e, por suposto, a forma física de nós mesmos, os cazadores.

Mañá comeza a tempada de xabaril

Pero se hai unha data especialmente sinalada no calendario, esa é a do inicio da caza do xabaril en batida. Mañá volverán reunirse cuadrillas, monteiros, cans e aficionados para dar comezo a unha das modalidades máis emblemáticas e participativas da nosa sociedade.

A chegada desta nova campaña prodúcese ademais nun contexto especialmente positivo para a caza maior no Tecor Terra Chá. Os rexistros dos últimos anos amosan unha actividade constante da especie e uns resultados que sitúan ao noso tecor entre os máis dinámicos da comarca. Así, a tempada 2024/25 concluíu con 268 capturas en 18 xornadas de caza, cunha media de 14,89 xabarís por xornada. Pola súa banda, a campaña 2025/26 arrincou de maneira excepcional, acadando un récord histórico de 77 xabarís nos primeiros catro días de actividade, unha cifra que superou todos os rexistros das campañas anteriores para ese mesmo período.

¿Qué pasará este ano? Está por ver, pero o adianto da recollida da sementeira de millo pode ser determinante, con previsión de máis capturas nas primeiras xornadas, pero co medo a que a tempada se faga especialmente longa. Veremos…

Máis alá das cifras, o inicio da tempada sempre trae consigo unha mestura especial de ilusión, nervios e incerteza. Son moitos os cazadores que esta noite prepararán a roupa, revisarán o equipamento e repasarán mentalmente os postos e os lances soñados para a primeira xornada.

Desde o Societario de Cazadores Terra Chá queremos desexar moita sorte a todas as cuadrillas e lembrar a importancia de acudir ao monte coa documentación obrigatoria en regra, cumprir estritamente as normas de seguridade e manter o espírito de respecto e compañeirismo que caracteriza a nosa entidade.

Porque as capturas son importantes, pero o que realmente define unha gran xornada de caza son os momentos compartidos, o traballo dos cans, o esforzo colectivo e a satisfacción de regresar a casa despois dun día vivido con responsabilidade e paixón.

Moita sorte a todos os socios e boa tempada de xabaril 2026/27!!!

Comparte esta noticia