Gozo, emoción e deporte no Tecor Terra Chá
O pasado sábado 25 de outubro, os arredores de Vilapene (Cospeito) espertaron co son dos primeiros disparos dunha xornada moi especial: o Campionato Provincial de Caza Menor con Can, celebrado no Tecor Terra Chá. Participantes chegados de toda a provincia, acompañados dos seus fieis cans de mostra, déronse cita para competir nun ambiente de camaradería e paixón pola caza.
Organizado pola Federación Galega de Caza en Lugo, coa colaboración da Sociedade de Cazadores Terra Chá, o evento desenvolveuse nun escenario privilexiado, onde as perdices puxeron a proba a habilidade dos cazadores e a destreza dos seus compañeiros de catro patas. O voo rápido e imprevisible das patirroxas converteu cada lance nun auténtico reto, ofrecendo momentos de emoción e diversión para todos os asistentes.
🏆 O título de campión foi para D. Juan Carlos Rodríguez González, que acadou 1100 puntos grazas ao cobro de dúas perdices polo seu can “Rayo”. A vitoria chegou tras un axustado desempate co segundo clasificado, D. Eladio Rodríguez Vilariño e o seu can “Jany”, que obtiveron a mesma puntuación pero chegaron seis minutos máis tarde, tempo suficiente para decidir o primeiro posto.
O terceiro lugar tamén se resolveu por desempate entre tres participantes con 550 puntos, cada un cunha perdiz cobrada. Finalmente, Fernando Telmo Vázquez con “Popy” completou o podio.
🍽️ A xornada rematou cun xantar de confraternidade no mesón O’Xugo da Feira do Monte, onde os sabores da terra puxeron o broche de ouro a un día de caza marcado pola deportividade, o compañeirismo e a emoción. Os clasificados xa teñen a vista posta no vindeiro Campionato Galego, onde os representantes lucenses prometen dar moito que falar.