COÑECENDO O TERRA CHÁ!
D. Juan José Fernández Rodríguez é o vogal responsable de axexos do Societario de cazadores Terra Chá. Comezou a súa xestión no societario como vogal na xunta directiva presidida por D. Juan Antonio Yáñez Díaz, tivo un descanso de 4 anos e logo sumouse a D. Jaime González Penelas na súa segunda presidencia, recuperando a súa responsabilidade anterior nun punto tan importante financieiramente para a sociedade como é a xestión dos axexos. Apaixoado tirador e rastreador, cóntanos un pouco a súa traxectoria no mundo da caza e no Tecor Terra Chá.
1. Presentación persoal e inicios na caza
1. Amigo Juanjo, cóntanos de onde che ven a túa paixón pola caza e como foi evolucionando cos anos.
Eu empecei de pequeniño, meu pai era cazador de coello, tiña cans para esta especie. Tamén ía con meu padriño Carlos, ao corzo e raposo xa que daquela por aquí non había xabariles apenas. Empecei con eles, con meu pai no Páramo coas súas cadelas do coello, e con meu padriño ao redor da casa cos seus cans do corzo. No Páramo saía polas tardes calquera día dar unha volta e adestraba os cans, pasábao moi ben, e así foi como me “piquei” na caza.
2. Fuches especializándote na caza do xabaril: ¿foi pola paixón polos cans ou polas armas de longa distancia?
Agora é a modalidade que practico continuamente, algo de axexo tamén, pero moito máis o xabaril en batida. Esta especie ten algo que é distinto, eso de ter que rastrexar un xabaril, buscalos un día difícil dun lado para outro, non sei, é diferente a calquera outra especie. Un levante dos cans, preto de ti sentíndoos ben, é incríble, non hai nada que iguale esa sensación no mundo da caza, ponme os pelos de punta, e penso que cada día me gusta máis.
3. Dende o punto de vista de cazador, non de directivo, ¿como valoras a última tempada do xabaril? ¿Mellor ou peor que en anos anteriores?
Pareceume moi boa, os resultados falan por sí solos. Comentaba antes de comezar que eu pensaba que había moito menos que anos anteriores, porque no tempo de axexo paso moitas horas no monte, e non vía casi nada por aí. Pero chegou a tempada de caza e buff, non sei de onde saíron, pero houbo moito máis do que pensaba. Vistos os resultados, eu quedei alucinado, de verdade. Para tener tamén hai que gardar, por eso cazamos poucos días na tempada.
4. Tamén es xefe de cuadrilla dende hai anos: ¿como levas un cargo con tanta responsabilidade?
Síntome afortunado pola cuadrilla que teño, hai moi boa dinámica de compañeirismo: non somos a que máis cazadores xunta, nin a que máis xente ten pa cordear nin a que máis caza abate, pero levámonos moi ben e pasámolo xenial. Non hai discusións e levámodos moi ben, a verdad. Eu vou contento e a gusto de xefe de cuadrilla, somos casi coma unha familia.
2. Primeira etapa no Tecor: a presidencia de Juan Yáñez
5. Indo ao plano máis corporativo, ¿que te levou a iniciar a túa andadura na xunta directiva con Juan Yáñez?
Fai ben tempo diso!! Teño que facer memoria… Eu con Toño (Pena Pillado) teño moita amizade dende fai moitos anos, e daquela queríamos dar un cambio ao tecor. Víamos a necesidade deste cambio e queríamos aportar algo distinto, porque era necesario. Entre Juan e Jaime principalmente, e os demáis que aportamos o que se nos pediu, creo que o logramos. Toño e eu xa presentáramos candidatura cando gañara Eutiquio (DEP), xa tiñamos ganas do cambio. Creo recordar, non estou seguro, que falara eu con Toño para presentala. Queriamos ese cambio e quedara a espiña cravada de non poder conseguilo, así que cando apareceu a opción de acompañar a Juan Yáñez animámonos a ir con el.
6. ¿Cales foron as túas tarefas naquela etapa? ¿Que recordos gardas desa época?
Daquela comezara levando os axexos de corzo, non tiña nin idea de qué iba o tema, pa cazar un víame negro. Creo recordar que se cazaran 10 nada máis na primeira tempada, era novato total, non había nin clientes, non coma agora que algún cazador xa leva unha década vindo. Eu nunca fixera axexo, non sabía máis alá do que podía ver en vídeos de YouTube, así que resultou moi difícil arrancar. Naquela época tamén levaba a caza maior e relación cos xefes de cuadrilla, xunto con Paco de Pousada (Francisco González). Aquelo era tremendamente difícil, moitísimas discusións que o facía moi difícil de levar.
7. Cando Juan decidiu non continuar, ti tamén deixaches a xunta, a pesar de que a candidatura de Jaime González contaba contigo. ¿Que che fixo dar ese paso atrás?
Principalmente, foron motivos persoais, sobre todo na casa. A min gustaríame seguir daquela, pero había que descansar, acababa de ter un fillo. Os axexos quitan moitísimo tempo, non só é ir de caza aquel día, hai que atender ao cliente durante meses para xestionarlle todo. Son centos de chamadas durante todo o ano. Buscarlles aloxamento, guías, cambios de última hora, xestión de trofeos…. É moito sacrificio.
3. O regreso: a segunda etapa con Jaime González
8. Na seguinte convocatoria de eleccións decidiches volver. ¿Que te levou a dar o paso e asumir outros catro anos, despois das dificultades vividas?
Xa me vin máis liberado ao cambiar a miña situación persoal, o neno xa máis crecidiño e vinme con máis liberdade para poder botar una man, Jaime pediume axuda e aquí estou.
9. Naquel momento Jaime pediu a túa axuda para levar os axexos, en substitución de Luis Vázquez Sande. ¿Ya lle perdoaches ou aínda ten débedas pendentes?
Nada, xa está perdoado, xa de fai tempo (risas). Jaime e eu somos compañeiros e amigos, non hai nada que perdoar.
10. ¿Como resumes estes catro anos na xunta directiva? ¿Cales eran as túas funcións principais?
Pois básicamente, centreime a tempo completo nos axexos, ten moito traballo. Ademáis do Terra Chá, xestiono axexos doutros 3 ou 4 tecores, polo que tampouco teño tempo a moito máis.
4. A xestión dos axexos de corzo no Tecor Terra Chá
11. Cóntanos como se desenvolve un axexo de corzo no Terra Chá.
Desde que contactan comigo, temos que acordar unha data, adaptando os días que o cazador dispón para vir cos que temos libres para cazar. Hai clientes de moitos anos que non lles quero fallar, e hai que facer moito encaixe para que poidan cazar. Aínda por riba, algúns só queren cazar comigo, pola amizade que nos une de tanto tempo, o que o fai dobremente complicado. A veces fastídiame, pero hai que adaptarse.
Logo hai que buscarlles aloxamento na zona, falar co hotel e xestionarlle a estancia. Cando xa están aquí, adoitamos saír os fins de semana, os venres a tarde e ata domingo pola mañá é o habitual. As saídas duran de 7 da mañá ata as 12, e logo pola tarde ás 6 e ata a noite. Son moitas horas e acaba un moi agotado, moitos kilómetros de coche. Un ano recordo que fixera no tempo de axexos 11000 kms.
Agora levamos a carne á cámara frigorífica para que unha vez á semana a veña recoller Procifon. Esto implica tempo, xa que hai que levalos alí, limpialos e preparalos. Na época de axexo hai pouco tempo a durmir (risas).
E o peor ainda non é esto que che estou a contar, é o tema da carracha. É imposible, facendo as cousas ben e todo, que non te pinche alguna. Eu non sei de onde saen, pero hainas a centos. Teño medo á enfermidade de Lyme, porque de verdade que é incrible as que teñen. Cando levas o corzo po frío da cámara saltan a ducias, hai moitas máis das que parece, de verdade que é algo impresionante. Hai que lavarse en profundidade despois, usar diferentes tipos de repelentes, e ainda así algunha sempre te pincha.
12. É moita responsabilidade: pasan ducias de cazadores de toda a península e a imaxe do tecor sempre está en xogo, ademais da parte económica. ¿Marchan contentos? ¿Adoitan repetir?
Hai xente que leva vindo 12 anos. Levamos o tecor a ser moi coñecido a nivel nacional, cazou xente de toda a península e marchan contentos normalmente. Aquí xa se sabe que non hai grandes trofeos, algún hai, este é corzo de Galicia de 6 puntos e xa está, non é corzo de Burgos, por eso o precio tamén é diferente.
13. ¿Como ves a densidade do corzo no noso tecor?
Moi boa, e a evolução desta densidade mantense estable. Agora o corzo cambiou o seu hábitat, está moito máis no tapado e entón vese menos, pero hai corzo en abundancia. Ti fas un recorrido en abril anotando os que viche, e ao día seguinte repites, e xa ves outros corzos distintos. De verdade que hai moito corzo no Terra Chá.
En batida vas cos cans e costa levantalos, os machos non se moven, os grandes sobre todo, as femias arrastran os cans e eles quedan parados. Ademáis non lles fai falta desplazarse para comer, polo que hai pouco rastro ao redor. Outro factor que lles reduce a mobilidade é a mosca que lles incuba o parásito na gorxa e lles produce a cefenimiosis, entón o corzo para protexerse non sale do tapado, está máis a salvo dela.
Onde sí notei algo de descenso de población é na zona alta de Pastoriza, imaxino que pola presión do lobo. Os corzos ao estar infectados pola cefenimiosis, non poden correr tamén libremente como se estivesen libres de parásitos, xa que se asfixian ao ter as vías respiratorias plagadas de gusanos.
14. Os axexos de corzo no Terra Chá son moi recoñecidos no centro e sur peninsular. ¿Cal cres que é a clave deste prestixio?
Por cantidade de corzo que hai, e polo bon trato personal que se lle da. Dase un bo servicio de guía e faiselle a estancia o máis fácil posible. O que ven cazar aquí tres ou catro días quere pásalo ben, quere ver caza e se pode abatir algo pois xa perfecto. Ao final o que se levan é o lance, da igual o trofeo. A xente pásao ben e disfruta, que é o que busca, xa que son as súas vacacións. Que o cazador repita ano tras ano é síntoma de que o estamos a facer ben.
15. Non é habitual que aquí se capturen grandes trofeos. ¿A que cres que se debe?
A alimentación, sin lugar a dúbidas. Aquí hai moita comida que medra demasiado rápido, polo que os nutrintes que pode ter non lle aportan o suficiente ao corzo para que desenrole esa cornamenta para un bo trofeo. En zona de caliza os trofeos son mellores, pero non é o caso da Terra Chá. Nalgún sitio usan pedras de sal, pero aquí non creo que dea resultado, non me acaba de convencer.
16. ¿Que busca un cazador que vén ao Terra Chá sabendo que o trofeo non é o habitual?
Primeiramente, o precio aquí é moi baixo respecto a se van a Burgos ou Soria, alá costa o dobre ou triple, e ao final o lance é o mesmo. En Burgos un corzo de 6 puntas normal pode valerche 1500€. Aquí vese cantidade, e o cazador é o que quere. Polo mesmo desembolso, aquí igual pode vivir dous ou tres lances, e en Castilla tería un e logo habería que marchar para casa.
Aquí en Galicia sempre se valorou moito a caza con cans, porque forma parte da nosa cultura e da nosa maneira de vivir o monte. Pero o axexo ten algo moi especial tamén. Para min, o máis bonito do axexo non é só abatir un animal, senón todo o que hai detrás: observar, coñecer un animal concreto, interpretar o vento, o terreo, os movementos… e intentar achegarte a el na súa propia casa. É unha modalidade moi esixente, onde moitas veces o máis bonito nin sequera é disparar, senón conseguir chegar ata ese momento. Hai moito esforzo, paciencia e respeto polo animal e polo medio. Cada axexo é distinto e iso é o que o fai tan especial.
5. Nova etapa: a presidencia de Adrián
17. Despois de 4 anos con Juan e 4 con Jaime, agora súmaste ao proxecto de Adrián mantendo a responsabilidade dos axexos. ¿Que te empuxa a acompañalo nesta nova etapa?
A Adrián xa fai que o coñezo, compartimos anterior xunta directiva e máis ou menos vai ser todo parecido. Están Toño e Jaime aí, así que ¿cal é o problema?. Todo vai ir rodado.
18. ¿Cal é o teu obxectivo para os próximos catro anos?
Seguir mantendo a densidade de corzo tal como está, e sacarlle un rendemento económico para o tecor. Co corzo que hai, non debería haber problema.
6. Proxectos persoais e visión crítica
19. Recentemente entrache no mundo da venda online de accesorios de caza coa web nortextreme.es. ¿Que produtos ofreces e que che levou a emprender este proxecto?
O meu mundo sempre foi a caza, todo dirixido a ela desde sempre. Armas, ópticas… todo sempre coa caza. Dense fai uns anos xestiono importacións de cámaras e así empecei neste mundillo. Logo aventureime cos collares GPS, que están tendo unha gran aceptación. Esto levou a que se me abriran moitas portas, e fun collendo o que vin que podía resultar po cazador. Fun metendo cousiñas na web, pero quero seguir medrando e ter máis cousas. Oxalá algún día poida ter algo máis físico, montar algo por aí.
Agora estou centrado en dar un bo servicio, unha boa garantía. Eu son cazador e sei o que necesitamos e o que nos gusta. Eu teño probado moitos visores, por exemplo, eu nunca vendo algo sen probalo. O cliente dime o que necesita e eu sei o que mellor lle encaixa. Moitos sitios vas comprar e non saben nin o que che venden. Estou medrando bastante ben, a páxina web está a funcionar e esperemos ir medrando pouco a pouco.
20. Ás veces tamén se morre de éxito, e as críticas máis duras veñen das persoas máis próximas. ¿Qué fundamento teñen esas críticas que a xunta directiva debe asumir?
Para min levouse o tecor a un status que nos coloca no máis alto de Galicia. As contas están máis que saneadas, e caza temos a que queremos, dentro do que hai claro. Temos unha sociedade moi boa. Claro que se pode mellorar en algunha cousa, pero críticas que se escoitan non son xustas. Creo que se debera levar todo por ben, pero hai xente que quere desprestixiar un traballo que se está a facer moi ben.
21. ¿Xoves sí ou xoves non?
Eu non cazo os xoves, non vou absolutamente nada, pero creo que hai que dar oportunidade aos que queren ir. Eu se puidera, iría, a xente merece poder disfrutalo. Os xubilados, os que traballan a turnos ou non poden ir os domingos e sí os xoves… toda esa xente merece a oportunidade de poder ir cazar unha perdiz se lles apetece. Xa se soltou máis perdiz para compensar esto precisamente. Eu agora nos axexos vexo moita perdiz, máis que ningún ano dos que levo nesto, quedaron moitas sen lograr cazar. É que non ten sentido quitar a metade dos días de caza de perdiz, sendo unha especie que se pode repoblar e temos a capacidade para elo. Eu véxoo así, pero veremos qué pasa.
22. Agora tes a oportunidade de dicir o que queiras: ¿hai algo que quedara na punta da lingua?
Insisto en levar o coto por ben, recordo a época con Juan Yáñez cando había cupo que aquelo era un tormento, ías ás reunións de xefes de cuadrilla e todo eran discusións con esto e cos días que se cazan na tempada, sabías que ese día íamos reñer uns cos outros sí ou sí. A caza é para divertirse e disfrutar do monte e os compañeiros, levarse ben e pasalo o mellor posible sen mirar o que fai o outro. Eu non son de reñer con ninguén, gústame ir de caza e pasalo ben, non estar pendiente do que están a facer os demáis.
7. Polo miúdo
- Un prato para xantar: Sen dúbidas, o chuletón.
- Acompañado por cal bebida: Viño tinto, un Ribera del Duero.
- Un recuncho para pasar unha tardiña: A montaña.
- Se non te adicases á alimentación, serías: Guardia Civil do Seprona ou policía, pero por non perder días de caza finalmente decidinme por outra vía (risas).
- Non podes vivir sen: A caza.
- Un hobby: O tiro ao prato.
- O que menos soportas é: Que me mintan.
- Punto favorito para cazar no tecor: A mina de San Martiño e Lagoa.
- E fóra do tecor: A zona libre de Ladra (Vilalba).
- Unha especie para cazar: O xabaril.
- Unha raza de can: Asturcántabro.