Noticias

Tecor Terra Chá

Foto noticia COÑECENDO O TERRA CHÁ!

COÑECENDO O TERRA CHÁ!

Jesús Paz Penelas é vogal do Societario de Cazadores Terra Chá. Comezou a súa andadura como directivo con D. Jaime González Penelas na presidencia, continuando con D. Adrián Rodríguez na lexislatura actual. Traballador incansable para esta sociedade e habitual competidor nas probas da FGC, cóntanos un pouco a súa traxectoria no mundo da caza e no Tecor Terra Chá.

Amigo Jesús, cóntanos de onde che vén a túa paixón pola caza e como foi evolucionando cos anos
Pois empezoume con meu pai, tería 7 anos, e meu pai tiña todo cans de caza menor, era moi afeccionado ao raposo e á lebre. Cando eu empecei con arma, aos 16 anos, a caza menor ía perdendo; fun dos últimos que empezou coa menor, todo o mundo comezaba co xabaril. Nós cazabamos todo: raposo, lebre… corzo e xabaril cos mesmos cans; daquela ao xabaril non se lle daba importancia. Entón cazaba á caza maior sempre e algo á menor. Cazando cos beagles de meu pai levantabamos caza continuamente; eu sempre ía cos cans, gústame a caza polos cans. Hoxe vou a algunha batida e digo “vaia aburrimento”; non sei se é porque hai menos caza ca daquela ou porque os cans de meu pai eran moi bos, pero a diferenza é tremenda. Tiña 20 ou 25 cans, chamábanlle a perreira municipal (risas).

Fuche evolucionando cara á caza da pluma. ¿Foi pola paixón polos cans ou por vivir máis lances en primeira persoa?
Eu cambiei da caza maior fai 20 anos. Nunha batida, cando tiña cadela de corda que fixera eu mesmo, tiña un aplace de varios xabaríns. Daquela dábaselle moito prestixio a quen gastaba cartos nos cans; non se facían, todo o mundo compraba cans e dicían “o meu can non falla”, e logo sempre se miraban eses aplaces. Pois ese día a min dicíanme que era imposible que tivera alí os xabaríns; metinme con can de corda e levanteinos. Efectivamente estaban alí. Puxéronme pingando. Recollín e nunca máis volvín. Foi a maneira de pasarme á perdiz.
O meu primeiro can de menor foi un bretón. Eu non sabía cazar a perdiz, ninguén me ensinara; botei anos que non pegaba un tiro. Pouco a pouco fun aprendendo. Fun socio do Terra Chá dende sempre e cazo a menor aquí, que en Meira apenas nos deixaron nunca cazala; alí só é xabaril, xabaril e xabaril.

Dende o punto de vista de cazador, non de directivo da sociedade, ¿que che parecen as perdices deste ano? ¿Mellores ou peores respecto a anos anteriores?
Eu podo dicir que para min foi un ano moi malo en canto a capturas; as perdices eran bravas de máis para os nosos cans. Nós cazamos a mancha de Álvare, que son praderías moi grandes, tipo Toledo, que as perdices pegan uns voos moi longos e non esperan. Nós tiñamos cans moi novos e non dabamos chegado a elas.
Tanto para min coma para os meus compañeiros foi dos peores, repito, en capturas, pero vimos moitas perdices, e quedaron perdices a fin de tempada.
Para min a perdiz foi mellor ca nunca; para cans veteranos moi ben, pero para cans novos foi imposible. Tal vez deberiamos ter escollido para cazar con estes cans algunha zona de máis maleza. Eu fun a Toledo cazar e adestrar e o comportamento é similar. Tamén me dá a impresión de que as perdices non resultaron igual unhas zonas que noutras; paréceme que pola auga. A zona de Prevesos, que soltei eu perdices e coñezo moi ben, fomos dous días e só logramos cazar dúas perdices entre Bernardo Traseira e eu, cando sempre faciamos o cupo; nin sequera as vimos. Eu creo que morreron; é imposible, co que andamos, que non as viramos por ningún lado. Cazamos dende a Faxina ata a granxa dos polos de Ramil, e só vimos esas dúas. Cazalas todas foi imposible, así que tivo que afectarlles a auga ou algo para diezmar a poboación.

Adícaslle metade da tempada ás perdices e a outra metade á arcea polo que dis. ¿Como foi a tempada da xorda este ano?
Pois eu non quero ser esaxerado, pero para min foi un ano moi bo, tanto en vistas como en capturadas. Podo dicir que, se abatiramos Bernardo e eu en condicións normais, houbéramos chegado ás 50 capturas. ¿Que pasaba? Que foi un ano moi malo para cans novos; as arceas estaban metidas en toxeiros moi duros, zonas que nunca estaban, sitios que sempre che daban unha arcea este ano non a tiña.
Oxalá o meu peor ano no futuro sexa como este; non me viñen ningún día para casa sen ver unha arcea, cando tiven anos de días completos sen ver nin pluma. Moita xente quéixase do ano de arcea, pero para nós non foi así. Eu podo dar as grazas ao que me aprendeu Bernardo, que leva toda a vida cazando a arcea; miramos sitios que non mira ninguén. Para min foi moito mellor ano de arcea ca de perdiz. Sen embargo, para os cans foi moi difícil cazar calquera das dúas especies.

Indo xa ao plano máis corporativo na nosa sociedade de caza, ¿que te levou a iniciar a túa andadura con Jaime González de presidente?
Sempre foi algo que me deu medo meterme, por discutir ca xente, que é inevitable. Pero, por outra parte, son unha persoa que de toda a vida me gustou organizar eventos, son participativo, sempre quero mellorar o que se fai noutros sitios, ir ao máximo; non miro o traballo que me dá, gústame moito.

¿Cales foron as túas tarefas con Jaime? ¿Que recordos che quedan desa época?
Daquela, en principio, era organizar as probas deportivas do tecor, pero finalmente tocáronme a maioría das que se celebraron. Logo fixen de todo: solta de perdices, mantementos, etc.
Quédome coas amizades feitas, xente que me afeccionou a competicións nas que non participaba como parte positiva, xente moi boa, aínda que tamén a hai mala. Gustoume ver outro punto de vista da caza, o de directivo, ver como se ten que diferenciar a caza menor da maior. Na menor a xente é moito máis arrimada ca na maior; esta xente non discute por capturar unha perdiz máis ou menos, e sen embargo na maior tíranse os trastos por un xabaril.
Na parte negativa, quédome con que podes facer o mellor do mundo, que sempre vai haber un que che vai dicir que fixeches unha “merda”, que te funden, sen saber sequera o esforzo que leva detrás.
Tamén teño un mal recordo cos cetreiros. Cando se fixo un galego aquí, organizamos todo: leveilles o meu camión con auga, xestioneilles todo, pagóuselles ata un baño portátil que nin sequera se usou, todo o que se nos pediu, ata o bar/restaurante que solicitaron para dar comidas, e logo non comen alí, logrando que ao final quede eu mal co paisano que fun quen llo contratei. Non fago máis probas para os cetreiros; quedei aburrido, non ten lóxica.

Unha vez que Jaime decidiu non seguir como presidente, sumáchete á candidatura de Adrián, quen fora vogal ata entón. ¿Qué te levou a decidirte a acompañalo outros catro anos, despois dos traballos pasados?
Animeime porque a verdade é que somos un grupo directivo moi unido, boa xente, sempre chegamos a acordos. Adrián pediumo; eu estaba nos censos de paspallás e gustaríame sacalo adiante. Se non se pode, pois non se pode, pero que non sexa polo traballo ben feito.

¿Cales son as túas tarefas na nova dirección da sociedade?
Teño que centrarme no censo, é prioritario. Temos un grupo de traballo moi bo, é de agradecer; desprazanse moitos quilómetros para colaborar. Quero ter unhas palabras de recoñecemento con eles: José Luis Rúa, Antonio Fernández e Víctor Fuentes; están moi involucrados con este proxecto e non é fácil atopar xente así de boa, e tendo en conta o custo económico que lles supón. É moi duro estar tódolos fins de semana do verán censando; non é falalo no bar, que é moi fácil, hai que estar aí. Por iso é de valorar o traballo que se fai.
Xente de aquí non vén axudar, só criticar, varios deles de Muimenta que xa me viñeron con contos, pero éme igual; hai que facer as cousas ben. Despois, se isto vai adiante, todos imos desfrutar desta modalidade de caza e dos beneficios que traerá para a comarca. Por outra parte, vou axudar na organización de competicións, aínda que estou nun momento persoal delicado. Por exemplo, imos ter o provincial de cans de parada e non podo axudar. Sen embargo, para o seguinte fin de semana, que organiza a Real Sociedad Canina unha proba aquí, pois podo axudar a Eloy en varias cousas.

Es quen encabeza o traballo de censo para lograr a media veda do paspallás. ¿Cómo foron os resultados da última campaña?
A última campaña foi moi gratificante. Tivemos moitos máis conteos dos que esperabamos. Tamén foi unha lección para nós, e explícome. O censo faise dende as 6 da mañá e viñamos rematando sobre as 9:30, en 10 puntos diferentes. Este ano metín dous integrantes máis para tratar de rematar ás 8; esas dúas horas iniciais son as de máis actividade, e facer dous equipos que recopilen datos en cinco puntos nese intervalo de tempo.

Baixo a túa experiencia de caza da media veda en outros sitios, e vistos os censos en primeira persoa, ¿consideras viable a súa aprobación aquí?
Vouche dicir: eu penso que si. Ademais, a nosa vexetación é diferente; o clima tamén favorece moito para o disfrute da caza e a saúde dos cans. Cóntoche un caso particular. Este ano fun á zona de caza permanente do Arneiro en agosto, adestrar cos cans novos, e levantamos uns 25 paspallás en tres fincas nada máis. Ese mesmo día, o meu compañeiro Víctor tiña unha tarxeta de media veda en Xinzo e capturou soamente tres. A diferenza é abismal, e tendo en conta que el tiña todo un cuartel e nós soamente tres fincas.

Aquí están nas maínceiras, teñen un hábitat ideal, duro para os cans porque lles produce cortes nos ollos, pero tamén é fresco. Oxalá logremos sacalo adiante.
Ti cazaches en moitos sitios da xeografía nacional, gastando cartos en cacerías ou competindo. Hoxe o Terra Chá acadou bastante boa fama. ¿Cal cres que é a clave para que sexamos tan valorados no mundo cinexético do noroeste peninsular?
Penso que a clave é a cantidade de días de caza menor que temos autorizados; a autorización dos xoves foi un gran acerto. Ao final os cazadores sempre tentamos meter os xóvenes na caza a través da maior e acábanse aburrindo: vanse para o coche e póñense co teléfono móbil, inevitablemente viven menos lances. Eu teño levado ao meu fillo adestrar; só andar cos cans e ver perdices xa lle gusta, gravalos e ver como traballan. Outra clave é o terreo; hai terreos duros, hainos brandos, hainos moi chairegos que permiten andar con facilidade a quen noutros sitios lle sería imposible, e máis difíciles para quen busque maior esixencia. Temos unha zona de caza permanente á que vén moita xente tamén.
E, por suposto, non podo esqueceme da cantidade de caza menor que hai. O cazador quere saír ao monte e ver caza. Este ano as perdices eran difíciles, pero había moitas, e iso é o que quere a xente. Dez mil perdices son moitas, chaman a atención. E tamén houbo moito paspallás, aínda durante a tempada, cando noutros sitios non é así. Buscan os regadíos e acostúmanse a criar aquí.
As probas deportivas que se fan tamén nos fixeron moi coñecidos. Veu xente de Boiro, de Portugal, de Asturias… de todos lados. Gústoulles moito o terreo e que haxa caza, e iso vaise falando duns a outros.

Ás veces tamén se morre de éxito, e xurden críticas para quen dirixe a sociedade. ¿Que fundamento teñen estas críticas que hai que asumir na xunta directiva?
Eu son unha persoa moi cabezota: canto máis me critican, máis quero sacar algo adiante. Se me din que algo non serve para nada, eu máis traballo para tratar de conseguilo. Facendo así, eu creo que esas críticas nos fortalecen e nos fan tirar para diante. Vendo nas asembleas que se fixeron ultimamente, sempre hai as mesmas críticas: coa baixa densidade do xabaril, que se se cazan os vedados, que se non hai cupo, que se non hai un… sempre o mesmo e da mesma xente. Resulta que despois chega a tempada e faise récord de capturas. Todo canto criticou esa xente non valeu de nada: xerar mal ambiente nada máis, sobre algo que non era real. Pero agora volverá a asemblea e sairá exactamente o mesmo.
A crítica hai que vela desde que acaba a caza, e ver se as medidas tomadas foron efectivas ou non. Ás veces a xente ataca por facer dano, nada máis, non porque vaia valer de nada. Visto o visto, é así. Pagando o que pagamos aquí de tarxeta, ninguén temos base para queixarnos; hoxe con 100 € non fas nada, e aquí pagamos o mesmo desde hai 15 anos. Teño compañeiros pagando 220 € desde hai un montón de anos para non ter cantidades nin parecidas de perdiz, tecores moi cercanos a este.

Volvendo ao apartado máis persoal, ti es habitual nas competicións da FGC. Cóntanos en cales e por que participas.
Comecei a participar por amizade, indo de xuíz sempre. Como dixen, eu inicieime na perdiz sen ter nin idea, e cazando foi cando coñecín a Bernardo Traseira, Andrés Pena e José Antonio Costilla, no monte. Collimos amizade e funlles de xuíz nas competicións, que sempre somos os mesmos; hai moi bo ambiente. Vén xente de moitos sitios, ensínanche a cazar e ves outros cans, xente de moitísimo nivel, e ves onde podes chegar ti comparándote. Gústame participar, é un día de caza máis, aínda que non quita que eu vou sempre a gañar.
Eu fixos sempre compito en caza menor con can e arcea. Agora levo tres anos competindo en San Huberto, porque me gusta o adestramento dos cans. Este ano competín en baixa forma, tanto física como moralmente, pero os compañeiros tiraron por min para que participara. Veume moi ben; xuntámonos un grupo grande e pasámolo xenial. A verdade é que é unha vez ao ano que nos xuntamos e competimos ao máximo.

¿Cal é o teu currículum nestas competicións?
Pois non quero mentir, non recordo exactamente; penso que de caza menor gañei dous, case tódolos anos me clasifico para o galego.
En arcea tamén me clasifiquei para varios galegos; penso que un provincial gañei ou quedei segundo, non recordo ben. Pequei de novato nesta proba: non é o mesmo que no de menor, que levas 15 tiros e tira o que poidas. No de arcea non: puntúan os tiros, co cal é determinante axustar os disparos.
Eu levo relativamente pouco tempo nestas probas, e clasifiqueime para moitos máis galegos que outra xente máis veterana; algo farei ben eu ou os cans, entendo. De tódolos campionatos provinciais e galegos, ao 99,9% son o único que participa cun bretón; todos se quedan mirando para min (risas).

¿Cales aspectos mellorarías das probas nas que participas?
Principalmente, buscar tecores con caza nas competicións de caza menor, iso fixo, e que cumpran as condicións mínimas para albergar unha proba deste tipo. Últimamente as probas que se fan non hai nada a que ir, ou saímos dun embudo. En Lugo temos un problema coa FGC: non sabemos ata o día anterior ou o mesmo día cal é o punto de saída, cando noutras provincias van ver os cazadoiros días antes, e aquí sábeno dous ou tres. Así non competimos todos coas mesmas ferramentas; é moita vantaxe para quen coñece, aínda que che pode saír ben ou non. De feito, no Terra Chá fixemos unha proba ao pé da miña casa, onde eu cazo, e non fun o que gañei; quedei cuarto ou quinto, non me saíu ben a proba. Pero ¿cal foi o motivo? Pois que había
densidade de caza, e entón dependes da túa pericia como cazador; se non houbese apenas caza, a vantaxe é tremenda para o que coñece aquilo.
Varios dos que imos xuntos, que adoitamos ir aos galegos, xa quedamos en que, se o campionato autonómico non se fai nun tecor con algo de caza, non acudiremos. O ano pasado metéronnos nun tecor onde se cazaron dúas perdices, todos saíndo por un camiño uns detrás dos outros, un auténtico perigo. Para min iso non é ir competir nin ir a pasalo ben. Respecto ás probas de San Huberto, creo que se deberían axustar as datas de competición. Facer esta proba en maio, cando as perdices están poñendo, non me parece o correcto. Outra alternativa sería facelo sobre paspallás, e senón cambiar as datas, como dixen inicialmente.

De tódalas probas ás que levas ido, ¿recordas cal foi onde máis caza lograches ver? ¿E onde menos?
O que máis, no galego que se fixo fai uns anos no noso tecor, o Terra Chá, nas manchas de Viladonga e Bendia. Fora tremendo: cazáranse lebres, dúas ducias de perdices, parrulos, pombos e ata un coello. Fora incrible, e iso que fixera un tempo malísimo de auga, estaba un día superescuro. De feito, tiveramos un erro na saída, moi grande: saírase con pouca luz. Eu tivera o campionato na man, co can posto segundo saímos, e non fun capaz de ver as perdices voar; non logrei nin disparar. Gañara Torres Parada ese galego. Por outra parte, a peor competición que recordo fora un provincial que se fixera ao carón de Sarria. Creo recordar que só se capturara unha perdiz, un paisano de retorno para o control, que lle saltou da cuneta. Eu acabei a proba coa pel arrancada das vexigas que fixen nos pés de andar; non había máis ca alambradas, un completo desastre.

Agora tes a oportunidade de transmitir o que queiras. ¿Algo que engadir a esta entrevista que che quedara na punta da lingua?
A nivel de caza, penso que a FGC debería facer probas sen morte, no verán, para involucrar nenos, con familiares ou amigos, tipo o que se fai no Terra Chá nos colexios coa cetrería e os cans de mostra.
No que respecta ao nivel directivo deste societario, gustaríame organizar no Tecor Terra Chá un campionato de España de caza menor con can. Eu fun a algún e non ves nin unha herba no chan; iso non é cazar, é disparar nada máis. Aquí temos unha vexetación, temos densidade de caza e terreos suficientes. ¿Que importa que se cacen 100 perdices? Ao día seguinte soltamos dúascentas. Dígoche que, se facemos esta proba aquí, facémonos a sociedade de caza máis coñecida do país. Oxalá se faga; sería un puntazo para a economía da zona ese fin de semana.

POLO MIÚDO:

• Un prato para xantar… As arceas
• Acompañado por cal bebida…
Un Mencía chamado “Os Cipreses”
• Un recuncho para pasar unha tardiña…
Na miña finca, “O Montiño”, en Meira
• Se non foses eléctrico serías…
Posiblemente comercial
• Non podes vivir sen…
Os cans
• Un hobby…
Deporte ao aire libre, calquera
• O que menos soportas é…
As críticas con mala fe ou que son mentira
• Punto favorito para cazar no tecor…
As canteiras de Xemil
• E fóra do tecor…
A serra de Meira
• Unha especie para cazar…
A arcea
• Unha raza de can…
O bretón

Comparte esta noticia


Imaxes