Noticias

Tecor Terra Chá

Foto noticia COÑECENDO O TERRA CHÁ!

COÑECENDO O TERRA CHÁ!

Jesús Miguel Lamela Escobar, “Lamela”, natural de Castroverde (Lugo), é membro fundador do Societario de Cazadores Terra Chá. Leva toda a vida vinculado ao mundo da caza, sobre todo á súa apaixoada perdiz. Enfermeiro de profesión, excelente orador e habitual colaborador de distintas asociacións da provincia, cóntanos un pouco da súa traxectoria no mundo da caza e no Tecor Terra Chá.

Amigo Lamela, cóntanos de onde che vén a túa paixón pola caza e como foi evolucionando cos anos.

Eu cazador fun desde sempre. Empecei a cazar cunha escopeta de balíns nos veráns, aos 10 ou 11 anos, que foi un dos primeiros agasallos que tiven, e con 16 xa lle roubaba a escopeta a meu pai, que non era cazador, pero tiña unha escopeta de meu avó. Era unha Battue holandesa de perrillos, que aínda está en uso hoxe, con culata inglesa, afumada, alucinante.

Eu comecei a cazar en Castroverde, e alí hai moita maleza; por iso sempre tiven escopetas de canón de 61 cm. Agora os meus compañeiros cabréanse comigo porque lles tiro ás perdices segundo se levantan (risas), cando por exemplo Juan Yáñez lles tira a 90 metros, e eu a esa distancia xa nin a escopeta levanto.

Comecei cun vello de alí, que me deixaba tirar, e desde aquela sempre. Logo vin para A Pastoriza con 21 anos e ata hoxe. Iba os xoves cazar a Castroverde despois de traballar; dicíalle ao médico que ía comer con miña nai e non había día que non cazase catro ou cinco perdices e algunha lebre. Cazaba practicamente eu só. Tiven campañas de 90 perdices saíndo a pé da casa, sen coller nunca o coche. Agora é outra cousa (risas).

Logo comecei a cazar en A Pastoriza porque traballaba alí e só podía ir a ratos, xa que tiña que estar pendente do centro médico. Eu fixen o centro médico e o circuíto de A Pastoriza coa colaboración dos veciños, que daquela nos cederon os terreos. Pepe Yáñez díxome que llos pedise; eu dicíalle que os pedise el, que para iso era do concello, pero ao final atrevinme eu a pedirlle a Paco de Costa, que era moi amigo meu. Díxenllo un día coa boca pequena, pero tempo despois, nunha cea, veu Paco e díxome: “Tes catro hectáreas á disposición para o circuíto”. Quedei de pedra, porque eu non era nada na política, pero logrei que se fixera o circuíto.

Pero volvendo á caza: eu tiña que estar á disposición do centro médico en todo momento, polo que precisaba estar preto por se había unha urxencia, mesmo estando de garda, levando un teléfono móbil que había que levar nunha mochila. Así adicaba unhas horas con Pepe Yáñez a cazar por alí. O coto de Loboso para a perdiz era moi bo, había perdices a montóns.

Recordo unha vez que me chamara D. Primitivo Iglesias, posteriormente alcalde de A Pastoriza, estando eu de caza en Bretoña, porque o seu sogro tiña unha sonda tupida. Estando eu ao teléfono con Primitivo, saíume unha perdiz e tireille igualmente. Dixo Primitivo: “Coño, que ruído tes nese teléfono!”. Acórdome tal cal (risas).

Hai montóns de anécdotas, podemos botar o día a contos. Debo figurar en máis de cen permisos de tiro ao prato; cada vez que había unha festa, aló iamos recadar para comidas para todos.

Co tempo comecei a cazar no Virxe do Monte de Cospeito, no 93, con Andrés o farmacéutico de presidente. Comezamos a facer unha pandilla moi simpática.

Sempre che gustou a caza da perdiz. Xa en tempos do coto privado de A Pastoriza eras dos habituais nesta modalidade. Por que a perdiz e non outra especie?

Sempre a perdiz. A min gústame cazala porque sempre tiven cans para elas. Tamén me gusta a arcea, pero para cazala tes que ter cans moi bos delas, e quen diga o contrario está equivocado.

Podo ir algún día solto á caza maior con José Luis Lodos a Negueira de Muñiz, pero máis ben por contar un conto e comer xuntos ca pola caza en si.

Ti adoitas cazar en varios puntos do tecor. Por que os escolles? Quen adoitan ser os teus compañeiros de batalla?

Tiven moitos ao longo dos anos. En A Pastoriza cacei moito con Pepe Yáñez e con Juan. Agora cazo sempre con Josito de Roás e o seu cuñado Juan, con Milo Bolaño, con Juan Yáñez, con Javier Teijeiro… Pasámolo moi ben.

A min gústame cazar pola zona de Cospeito, Xermar ou Roás no comezo da campaña: cázase moito máis fácil, é todo moi chan e, se se levanta un bando de perdices, ti ves perfectamente onde se tiran e podes seguilo cazando.

En canto avanza a tempada, gústame máis ir á zona de A Pastoriza; daquela hai menos xente.

Este ano, desde que se caza os xoves, foi o ano que menos capturas fixen na miña vida: só levo oito, cando o ano pasado levaba catorce a estas alturas. Cazar catorce perdices aquí, ben cazadas, dá moito que facer. Repito: ben cazadas. Hai días que tes moita sorte e cazas tres, e moitos días que non cazas ningunha.

A estas alturas da tempada, doume conta de que a perdiz é moi difícil de cazar en Cospeito: hai pouca e moi entoxada. Por iso prefiro subir á Pastoriza.

Gústache o traballo dos cans e o lance que se vive nesta caza, pero sei de boa tinta que a ti che apaixona tanto o “terceiro tempo”, como din no rugby. Como é o voso “postpartido”?

Facemos unhas comilonas tremendas (risas). Algo sumamente importante é que a caza ten un problema moi gordo, que é a envidia. Eu sempre me considerei un bo cazador, pero agora vou vello e teño que darme conta. Eu non ando coma Juan, por exemplo; non dou cazado coma el, pero encantado de que el cace e eu non (risas).

Eu cazo con cans curtos, e agora a maioría da xente ten cans que traballan moi longos. Eu non sería capaz de cazar con eses cans porque vou indo para vello, é a realidade. Eles levan máquinas GPS para saber dos cans; a min non me fai falta. Se teño que andar mirando onde está o can na máquina xa non dou cazado: chégame moito atender á escopeta e a non tropezar, é moito choio (risas).

Este fin de semana fixemos equipo e xuntámonos a comer na casa de Javier uns chuletóns. Estaban tremendos, moi ben o pasamos. As primeiras perdices que matamos cada ano, xuntámonos e comémolas todos xuntos: traemos as parellas e facemos unha comida. Contamos aventuras e pasámolo como Deus.

Falemos agora desde un plano máis institucional. Ti fuches un habitual dos órganos reitores dos antigos cotos privados da zona e logo do tecor. Ponnos en contexto previo á creación do Societario de Cazadores Terra Chá.

Cando eu comecei a cazar en A Pastoriza estaba de presidente D. Atilano Iglesias, hoxe falecido, e Pepe do Coxo era o xefe de cuadrilla. Fun a unha reunión e expuxen que quería cazar na zona. Atilano apoioume. Costaba 7.000 pesetas ser socio, pero eu paguei 3.500 porque en principio era algo temporal. Finalmente estiven vinte anos (risas).

Cando levaba tres ou catro anos, levantouse o Coxo e dixo: “Este home vai cazar coma min e paga a metade nada máis”. Colleu 3.500 pesetas do peto e pagoume a diferenza. Así me fixen socio da Pastoriza, e pouco máis tarde, membro da xunta directiva.

A Pastoriza era un dos cotos privados do concello, había sete. Eu fun quen se pelexou con varios presidentes destes cotos para fundar o unificado de A Pastoriza: co cura de A Rigueira, Don José; con Yáñez, que era o de Baltar; con Arcesino de Loboso; con Casiano… A idea de facer o unificado saíu de D. José Yáñez, alcalde de A Pastoriza naquel tempo, quen veu xunto a min para encomendarme esta labor. Quería que todo o concello fose o mesmo coto.

De quen foi a idea de crear este “macrotecor”?Con que obxectivo?

Non te podes imaxinar as voltas que demos. Eran demasiados cotos privados, habíaos por todos lados.

Daquela a idea veu da Pastoriza. Comezaron a falar do tema comigo o Coxo e Lodos. Estaban involucrados tamén Pepe Yáñez, Carlos Novo e Miguel de Úbeda. A idea inicial era que fose eu o presidente do Terra Chá nunha candidatura única, aínda que despois foi D. José Antonio Otero Engroba, máis coñecido como “o carpinteiro”, que era o presidente do Virxe do Monte.

A matrícula que se escolleu foi a do unificado de A Pastoriza, que era o máis antigo: a LU-10.008.

Quero aclarar que eu nunca tiven firma no banco nesta sociedade. Logo enfadeime despois da primeira lexislatura: o presidente traballaba algo independente e eu non estaba de acordo.

A xestión cos socios foi complicada. Eu fun o creador do actual libro de socios, ata por orde alfabética. Deume moito que facer. Moitos dos trámites que se fixeron daquela hoxe serían ata delito (risas).

Tamén fun quen tivo a idea de rexistrar o libro de contas, para darlle asiento a todo o que se facía. E tamén a finca do tecor foi cousa miña, coa idea de facer alí un caseto para os socios. Iso todo tiña que quedar rexistrado nalgún sitio.

Cando se estreou o libro de contas, botamos semanas esperando a que o presidente o trouxera cuberto, e apareceu con tres liñas: unha de ingresos, outra de gastos e a terceira co rendemento final. A min iso non me gustou: eran números sen asiento ningún, un sen sentido, non xustificaba un euro.

Tivemos aprobada unha axuda tamén de 9.000 € para un criadeiro de coellos, aínda que finalmente non se fixo nada.

Nunha asemblea xeral eu expuxen que me faltaba diñeiro na sociedade. Houbo xente que non foi receptiva á miña intervención porque dicían que eu tiña algo en contra do presidente, cando non era certo: eu só quería saber onde estaba o diñeiro. Levantáronse varios socios e dixeron: “Borrón e conta nova”. Eu entón decidín entregar o libro de contas, o libro de socios e o de actas, e dimitir. O libro de contas desapareceu ao momento.

Como se resolveu a dimisión do secretario nese momento?

Houbera unhas eleccións con dúas candidaturas: unha encabezada polo presidente que había, José Antonio Otero, e outra por Carlos Novo. Gañou a de José Antonio: tiña máis facilidade para a política ca outra candidatura, sabía como convencer os socios con diversas promesas.

Unha vez fóra da xunta directiva e co paso dos anos, fuches precursor habitual de novas candidaturas. Queres contar a quen?

Tras aquela asemblea na que os socios dixeron “borrón e conta nova”, díxenlle a Lodos e a Carlos Novo que non se metesen na nova candidatura, porque os socios foran claros, e efectivamente saíron derrotados.

Logo busquei a Eutiquio, gran amigo meu de toda a vida, xunto con Lodos, que sabe manexar estes temas mellor ca ninguén. Lodos é moi boa xente: fai o que sexa polos veciños e amigos. Esa candidatura gañoulle as eleccións a José Otero.

Logo, tristemente, faleceu Eutiquio. Foi un pau gordo. Levábao moi ben, foi unha pena.

Cando rematou esa lexislatura, Lodos e eu pelexamos con Juan Yáñez o indecible. Deu moito que facer; a súa muller Mayte aínda case nin me fala (risas). Juan é un gran amigo meu. Foi un gran presidente e gustáballe, pero non dispoñía de tempo e Mayte non quería.

Lodos daquela buscou a Jaime González, que eu non coñecía, e preparouno para darlle o relevo a Juan, facéndoo presidente de Negueira de Muñiz, cando xa era secretario do Terra Chá.

Eu xa non me metín máis no tema porque quedei moi escaldado. Estar aí dentro é moi complicado: só quen estivo sabe o que é.

Agora, coa vantaxe do tempo transcorrido, cres que foi un acerto ou un erro a creación do Tecor Terra Chá?

Acento absoluto. Un tecor grande sempre vai ter moitos máis beneficios ca un pequeno, sobre todo en canto á xestión. O respecto da administración é absoluto: sendo grandes somos referencia, e se non, seríamos un máis. Isto é coma un partido político: non é o mesmo mover vinte votos ca vinte mil.

O que está clarísimo é que un tecor grande ten un beneficio inmensamente superior. En axudas xa che contei varias, e o que estaba por vir.

Como ves a xestión actual da sociedade?Coincides coa liña que se leva ou cres que se precisa un xiro?

A forma de compensación que se lle fai á actual directiva é “cojonuda”. A xente non sabe o que gañamos. Os que estivemos dentro sabemos que o traballo actual non está pago.

A xestión actual paréceme correcta. Desde que entrou Juan Yáñez vai a cousa moi ben. Tivo un gran equipo, por exemplo Josito de Roás —que foi fichaxe miña tamén—, que fixo unha labor excepcional que tal vez a xente non coñeza. Foi un home moi traballador e fiel, cunha visión do tecor futurista.

Hoxe somos 802 socios numerarios no Terra Chá. Ti, que coñeces polo miúdo a historia deste tecor e as súas necesidades, cres que somos demasiados?

Hai moitas hectáreas para cazar. Son case 46.000 hectáreas nas que collemos todos.

Estamos rematando a entrevista e agora tes a oportunidade de transmitir o que queiras. Algo que engadir que che quedara na punta da lingua?

A min quédame pendente que sigades traballando como estades, todos. Eu sei que estas directivas cometemos equivocacións, pero é lei de vida.

Eu, por exemplo, considero un erro cazar os xoves, e falo en contra miña, que podo ir. Explícome: os que veñen cazar os xoves son uns depredadores absolutos, e eu creo que a tempada ten que durar, senón perde encanto. Se non dura desde outubro a xaneiro non é válida, e as perdices que cazas os xoves non chegan ao final da tempada.

Agora quedan poucas e rebuscamos o que non hai. Que si hai perdices, pero moi malas de atopar, e eu creo que o motivo é ese. Isto lévate a aburrirte no monte, e iso non pode pasar, porque quen se aburre acaba quedando na casa.

A caza ten que perdurar, aínda que sexa recortando os días de caza. Se a tempada dura un mes, non ten sentido. Eu, se pola mañá vexo dúas perdices, xa está: xa vou contento para a casa, non me fai falta ver máis. Pero se non ves nada, é un desastre todo: ten que verse caza.

Eu neste momento sería o único que cambiaría, e cambiaríao en contra de min, que estou xubilado, pero creo que non é rendible para o tecor cazar os xoves. Hai que procurar falalo na próxima asemblea e que a xente vaia votar: cada un o que queira, pero que vaian á asemblea.

POLO MIÚDO

Un prato para xantar… as troitas, e válenme ata as de Xustás (risas).
Acompañado por cal bebida… un godello.
Un recuncho para pasar unha tardiña… no chozo en Roás.
Se non te dedicases á sanidade, serías… imposible contestar: vénme na xenética, non hai outra opción.
Non podes vivir sen… a amizade, estar coa xente; son moi sociable.
Un hobby… a caza.
O que menos soportas é… a mentira e as inxustizas.
Punto favorito para cazar no tecor… a agra do Carballal, en Xermar

  • E fóra do tecor… Calquera intensivo que sexa bon
  • Unha especie para cazar… a perdiz

Unha raza de can… Sempre fun de setter, sonlle fiel

Comparte esta noticia