Balance da tempada de caza 2025/2026 no Tecor Terra Chá
Co remate da tempada 2025/2026 no noso Tecor Terra Chá, chega o momento de facer balance. Foron meses intensos, cheos de xornadas memorables, ilusión e bo ambiente entre os socios. Agora, con todo o traballo feito, toca descansar e reflexionar sobre unha campaña que, sen dúbida, deixará pegada.
Xabarín: unha tempada para lembrar
Tal e como fomos analizando en artigos anteriores, a evolución das xornadas de xabarín foi especialmente positiva. Os afeccionados á traílla gozaron dunha tempada brillante, con numerosas capturas e lances que fixeron as delicias dos nosos cazadores. Sen dúbida, un dos puntos fortes deste ano.
Perdiz: luces e sombras para a raíña da menor
A perdiz, símbolo da nosa sociedade e da caza menor en toda España, deixou sensacións diversas. A solta de 10.000 exemplares no verán foi un éxito rotundo, pero a súa captura resultou máis complicada do previsto. O bravío extremo —moi similar ao da perdiz autóctona da montaña lucense— puxo a proba aos cans novos, dificultando as posturas e os disparos limpos.
Coa chegada das choivas persistentes e das primeiras xeadas, a situación mudou: reduciuse a vixilancia das patirroxas e aumentou a súa exposición ao sol, facilitando algo máis o traballo dos cazadores.
A polémica dos xoves
Un dos temas máis comentados polos socios foi a caza dos xoves. A idea inicial de que “se ía acabar con todo” quedou desmentida pola realidade: houbo caza suficiente ata o último día. A satisfacción de poder desfrutar do dobre de xornadas de perdiz polo mesmo prezo foi enorme, e así o percibiron os órganos directivos.
Era o primeiro ano con este sistema, e existía a dúbida de se a solta sería suficiente. Pero, tendo a posibilidade de repoboar segundo as necesidades, ¿ten sentido limitar días de caza dunha especie que se pode reforzar? Se 8.000 perdices non chegaban, soltáronse 10.000; e se no futuro fixeran falta 12.000, tamén sería posible. Un debate que, sen dúbida, volverá á mesa na asemblea de xuño para decidir o modelo da tempada 2026/2027.
Parrulos: un inicio espectacular que se esfumou
O comezo da tempada de acuáticas foi extraordinario, cunha presenza de parrulos como nunca antes. Sen embargo, do mesmo xeito que chegaron, desapareceron. As choivas e a migración fixeron o seu traballo, reducindo drasticamente a súa presenza. O resultado final foi unha tempada similar a anos anteriores, ou incluso algo inferior, deixando un sabor algo amargo. As esperas nocturnas, moi condicionadas pola meteoroloxía, tampouco axudaron.
Lebre: oito xornadas de auténtico desfrute
A lebre volveu demostrar a súa excelente saúde no noso tecor. Con só oito xornadas hábiles, ofreceu momentos memorables aos cazadores de rastro. Boa densidade, distribución equilibrada e exemplares fortes fan prever que seguirá sendo unha das especies máis agradecidas nas vindeiras tempadas.
Arcea: unha das decepcións do ano
A arcea non acompañou. A súa chegada foi tardía e en cantidades moi inferiores ás de anos anteriores, o que reduciu as capturas case á metade. Aínda así, o bo facer de cans e monteiros permitiu algunhas xornadas de calidade que os socios recordarán con cariño.
Raposo: aumento de densidade e mellora sanitaria
A poboación de raposo continúa en aumento. Aínda se detectan bastantes casos de sarna, pero todo indica que a situación está a mellorar e que pronto poderemos desfrutar da súa caza con total normalidade.
Mirando cara adiante
Agora comeza o tempo de adestramento para os nosos cans e para nós mesmos. Tanto os cazadores de xabarín á traílla como os de menor —estes últimos nas zonas habilitadas a tal fin— poderán seguir desfrutando da actividade cinexética ata o inicio do paro biolóxico. Un período perfecto para preparar a próxima tempada con ilusión renovada.
Coa mirada posta xa no próximo inicio da tempada de axexos de corzo o vindeiro abril, a actividade do Societario de cazadores Terra Chá continúa coa participación en diversas competicións, censos, labor administrativa e, como non, ilusión para unha prometedora e apaixoante tempada 2026/2027.