A nosa sociedade de caza, protagonista na vindeira tempada de “Guardianes del Campo” de Mutuasport
Desde o pasado sábado ata o martes, o noso Societario de cazadores Terra Chá tivo o orgullo de converterse no centro de atención do sector cinexético a nivel nacional. Recibimos a visita do gabinete de comunicación de Mutuasport, encabezado pola coñecida influencer cinexética Pilar Escribano, e da recoñecida produtora Young Wild Hunters, que se desprazaron ata a nosa zona para a gravación dun novo episodio da terceira tempada de "Guardianes del Campo".
Un proxecto de referencia: "Guardianes del Campo"
Para os que non estean familiarizados, Mutuasport é a mutua de seguros líder e máis antiga ao servizo dos cazadores en España, destacando polo seu firme compromiso coa defensa da caza e a seguridade. Pola súa banda, Young Wild Hunters é unha das produtoras máis prestixiosas do panorama actual, especializada en contidos cinematográficos de alta calidade que narran a realidade da caza desde unha perspectiva moderna e estética.
O episodio, que se emitirá na canle de YouTube e nas redes sociais de Mutuasport, supón unha oportunidade de ouro para o noso colectivo. Esta colaboración busca non só promocionar a nosa actividade, senón realizar un necesario lavado de cara da caza, amosando á sociedade a nosa faceta máis auténtica: a de xestores do territorio, garantes da sostibilidade e protectores activos do medio ambiente.
Unha rodaxe con forte apoio institucional e científico
A grabación contou cunha participación excepcional que reforza a mensaxe de unión e profesionalidade do sector. Tivemos a honra de contar coa colaboración de:
* Directivos antigos e actuais da nosa sociedade, encabezados polo noso presidente actual Adrián Rodríguez Morán, así como algún dos seus fundadores, que aportaron a memoria histórica e a paixón que nos move.
* O tesoureiro de Mutuasport, en representación da entidade, Javier Nogueira Diz.
* Representantes institucionais, incluíndo os alcaldes dos tres concellos da zona e a Xefa de Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia en Lugo.
* Corpos de seguridade, coa presenza de axentes do Seprona e da Garda Civil do posto da zona.
* Gandeiros da nosa comarca, que aportaron a visión que teñen dos cazadores os demáis actores principais da vida no rural galego
A vertente científica e académica tivo un peso fundamental. Trasladamos parte da rodaxe á Facultade de Veterinaria de Lugo, onde contamos coa participación de Luis Eusebio Fidalgo Álvarez, Presidente da Federación Galega de Caza (FGC) —que á súa vez é catedrático de dita universidade— e da súa compañeira, a docente e investigadora Ana López Becerra.
Xestión, seguridade e saúde animal
O fío condutor do episodio céntrase na caza en axexo do corzo, poñendo especial fincapé na seguridade durante a actividade. Así mesmo, abordouse un tema de vital importancia para a fauna da Cordilleira Cantábrica: a afección da cefenimiosis nos corzos, analizando como a xestión rigorosa que realizamos desde a nosa sociedade de caza é clave para controlar estas patoloxías e manter o equilibrio do ecosistema.
Estrea e agradecementos
Aínda que haberá que agardar ata o 2027 para ver o resultado final, o Terra Chá e a FGC organizaremos unha promoción previa cunha pre-estrea especial para todos os participantes, socios e veciños que nos queiran acompañar nesa xornada.
Desde estas liñas, queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Mutuasport e á Federación Galega de Caza por confiar na nosa sociedade para protagonizar este episodio. É un orgullo que o traballo que facemos a diario no noso monte sexa recoñecido como un exemplo de boa praxe cinexética a nivel nacional.