Asemblea Xeral Ordinaria 2026: información para os socios e explicación da orde do día
O Societario de Cazadores Terra Chá celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria o domingo 14 de xuño ás 10:00 h, un encontro anual no que se revisa o traballo realizado, se analizan as contas e se toman decisións clave para o futuro da entidade.
Ademais dos puntos habituais establecidos estatutariamente, este ano é especialmente importante lembrar aos socios o procedemento para presentar propostas propias, que deben cumprir os requisitos establecidos nos Estatutos, xa que non se votará ninguna proposta que non aparezca na orde do día.
A continuación explícase con detalle cada punto no boceto previo da orde, que está pendente de confirmación oficial, a falta de posibles propostas de socios, e o proceso para a presentación das mesmas.
1. Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior
Este primeiro punto garante a transparencia e continuidade dos acordos adoptados pola Sociedade. Procederase á lectura da acta correspondente á última asemblea e someterase á súa aprobación. É un trámite esencial para validar que o recollido no documento coincide co acordado polos socios.
2. Liquidación de contas, memoria económica e presuposto 2026/2027
A Xunta Directiva presentará a situación económica da Sociedade:
* Liquidación de contas: ingresos e gastos do último exercicio.
* Memoria explicativa económica: análise detallada das partidas, investimentos e xustificación das decisións tomadas.
* Presuposto 2026/2027: previsión económica para o próximo período, incluíndo gastos de mantemento, seguros, xestión da sociedade e actividades.
Este punto permite aos socios coñecer con claridade o estado financeiro da entidade e valorar a súa sustentabilidade.
3. Memoria de actividades 2025/2026
Presentarase un resumo das accións realizadas durante a tempada:
* Actividades de xestión cinexética
* Traballos en vedados e zonas de caza
* Participación en eventos, cursos ou competicións
* Relación institucional con administracións e entidades colaboradoras
A memoria permite avaliar o cumprimento dos obxectivos marcados e identificar áreas de mellora.
4. Propostas do presidente e da Xunta Directiva
A dirección da Sociedade presentará varias actualizacións normativas e organizativas de especial relevancia:
* Actualización de cotas. Revisarase a cota de inscripción a novos socios, a cota de socios protectores e a de socios numerarios
* Modificación de vedados e zonas de caza permanente. Coa renovación do POC, exporase a ubicación destas zonas tras 5 anos sen cambios
* Actualización das condicións das baixas temporais. Insistirase na necesidade de xustificar anualmente a situación de baixa temporal, dada a lonxevidade dalgunha delas sen documentación actualizada
* Actualización dos Estatutos da Sociedade. Proporase unha adecuación dos estatutos para recoller documentalmente os acordos asamblearios da última década
* Actualización do Réxime Interno. Proposta para dar soporte regulamentario aos estatutos e acordos de menor impacto
* Aprobación do PAAC (Plan Anual de Aproveitamento Cinexético). Exposición do plan anual para aprobación da asamblea
Estas propostas buscan adaptar a Sociedade ás necesidades actuais, mellorar a xestión e garantir o cumprimento da normativa vixente.
5. Rogos e preguntas
Espazo aberto para que os socios poidan expoñer dúbidas, suxestións ou cuestións relacionadas co funcionamento da Sociedade. É un momento clave para fomentar a participación e o diálogo interno.
Propostas dos socios: requisitos e prazo de presentación
Este ano, igual que recollen os Estatutos, lémbrase especialmente a importancia de que as propostas dos socios cheguen dentro do prazo e coa documentación correcta.
Segundo o artigo 19 dos Estatutos, calquera socio numerario pode presentar unha proposta para ser incluída na asemblea, sempre que cumpra estes requisitos:
* Prazo límite: ata o 23 de maio, xa que hai que respetar o prazo de convocatoria de asamblea coa orde do día correctamente recollida
* Formato: debe presentarse por escrito a calquera membro da xunta directiva
* Apoio mínimo: debe ir acompañada do 5% das sinaturas dos socios numerarios, o que equivale a 41 sinaturas na actualidade
Este procedemento garante que as propostas teñan un respaldo mínimo e que poidan ser tratadas con rigor e orde durante a asemblea.
Participación e responsabilidade colectiva
A Asemblea Xeral é o espazo máis importante de decisión da Sociedade. A implicación dos socios —xa sexa asistindo, participando ou presentando propostas— é fundamental para seguir mellorando a xestión, fortalecer a actividade cinexética e asegurar un funcionamento transparente e democrático.
O Societario de Cazadores Terra Chá agradece de antemán a colaboración e participación de todos.