As Xuventudes pola Caza consolidan o relevo xeracional no Tecor Terra Chá
A pasada fin de semana, o Tecor Terra Chá tivo a honra de acoller un encontro de convivencia cinexética organizado por Xuventudes pola Caza, o colectivo xuvenil integrado na Federación Galega de Caza, que traballa para achegar a actividade cinexética ás novas xeracións e asegurar o relevo xeracional do sector. A través de iniciativas coma esta foméntase a formación, a convivencia e o intercambio de experiencias entre mozos cazadores de diferentes territorios, contribuíndo a construír unha caza responsable, unida e con futuro, contribuindo así a atacar o principal problema da caza en Galicia: o relevo xeracional. A fin de semana vivida no noso tecor foi un magnífico exemplo dese compromiso coa canteira da caza galega.
Recepción e benvida aos participantes
A programación deu comezo o venres ás 20:30 horas no Museo das Aves de Cospeito, onde os asistentes foron recibidos polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, polo tesoureiro da Sociedade de Cazadores Terra Chá, Luis Vázquez Sande, e polos responsables de Xuventudes pola Caza, Sergio Suárez e Brais Cruña. Durante o acto de benvida déronselles a coñecer os detalles do programa e puideron intercambiar as primeiras impresións nun ambiente de compañeirismo.
Posteriormente, todos os participantes desprazáronse ao Café Bar Bautista para compartir unha cea de confraternidade, na que non faltaron as anécdotas, as experiencias de monte e as conversas arredor da caza que se prolongaron ata ben entrada a noite.
Un sábado para coñecer a batida chairega
A actividade retomouse de madrugada cun almorzo ás 7:00 horas no mesmo Café Bar Bautista. Unha vez preparados, os participantes repartíronse entre as cuadrillas Os Rápidos, O Rubio e Xustás para acompañar aos cazadores locais nunha auténtica xornada de batida ao xabaril.
Desde o Societario queremos expresar o noso máis sincero agradecemento aos xefes de cuadrilla Juanjo Rodríguez, José Luis Fernández e Jaime González, que se involucraron plenamente na actividade e fixeron posible que os mozos coñecesen de primeira man como se desenvolven as batidas na Terra Chá.
Ao longo da mañá os participantes acompañaron aos cazadores durante os labores de rastrexo dos xabaríns, aprendendo sobre a organización das cuadrillas, a planificación das manchas e o traballo previo necesario antes da solta dos cans. Unha experiencia moi enriquecedora para todos eles, que puideron vivir desde dentro unha modalidade tan representativa da nosa comarca.
A xornada concluíu cunha cea na Pizzería Rozas, onde entre risas, comentarios e "batallitas" se repasaron os mellores momentos do día.
O corzo toma o protagonismo
O domingo comezou cun novo almorzo, nesta ocasión ás 8:00 horas no Café Bar O Xugo. A continuación deu comezo a xornada dedicada ao corzo, condicionada inicialmente pola intensa néboa que cubriu gran parte dos cazadoiros ata aproximadamente as 11:00 horas.
Nesta xornada queremos destacar e agradecer especialmente a colaboración de Giovanni Lodos, que desprazou os seus cans para participar na actividade e facer posible que todos os asistentes puidesen desfrutar dunha experiencia aínda máis completa. O seu compromiso e disposición foron fundamentais, polo que lle transmitimos o noso máis sincero agradecemento.
Ao mediodía os participantes reuníronse para xantar en Casa Paca. Durante o encontro, o presidente do Societario de Cazadores Terra Chá, Adrián Rodríguez, dedicou unhas palabras aos asistentes, agradecendo a súa participación e expresando o desexo de que a experiencia fose do seu agrado, recordándolles ademais que sempre serán ben recibidos na Terra Chá.
Unha fin de semana para recordar
A tarde do domingo deixou innumerables lances, moitas emocións e tamén unha boa cantidade de balas gastadas. Houbo acertos, fallos e momentos inesquecibles, pero por riba de todo destacou a convivencia entre participantes e cazadores, convertendo a actividade nunha experiencia tremendamente enriquecedora para todos.
Desde a Sociedade de Cazadores Terra Chá queremos agradecer a Xuventudes pola Caza a confianza depositada no noso tecor, así como a todos os colaboradores, xefes de cuadrilla, cazadores, hostaleiros e voluntarios que contribuíron ao éxito da fin de semana.
Ver a tantos mozos e mozas comprometidos coa caza tradicional, interesados en aprender e dispostos a implicarse na conservación das nosas costumes é a mellor noticia para o futuro da actividade cinexética. O relevo xeracional é unha realidade e ter a oportunidade de aportar o noso gran de area neste camiño é, sen dúbida, motivo de orgullo para toda a familia do Tecor Terra Chá.